Eufemismos

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

21 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Non son épocas para andar con rodeos. As cousas é mellor deixalas sempre clariñas. Moito máis, en certos campos.

Tamén é certo que hai mil camiños para chegar ao mesmo destino, e que as cousas se deben facer e dicir sen ferir os sentimentos dos demais, pero en moitas ocasións, os eufemismos son insuficientes.

No amor, e na guerra, o mellor é utilizar todas as letras. Quérote, sen adobíos. Dío todo e non deixa lugar a erros. A fin da guerra só pasa por tres letras: paz.

A banda terrorista máis importante do país acaba de dicir que vén de desmantelar as «estruturas derivadas da loita armada». Pero tanto rodeo sementa máis dúbidas ca confianza. A tranquilidade das nosas vidas, da democracia, da sociedade, só pasa pola disolución completa do grupo e a entrega total do seu armamento. Non podemos estar descifrando o que significa unha frase tan ben construída que deixe lugar á continuidade do crime. Sen negociacións. Sen caras tapadas. Sen verificadores internacionais que non precisamos. Sen titulares grandilocuentes que anuncian comunicados posteriores para os que precisamos unha lectura delicada da que non sacar conclusións satisfactorias.

Sería ben feliz se non se agochasen, e a plena luz do día, mirándonos aos ollos dixeran: fomos nós, e estamos aquí para poñer fin á loita armada. Acabouse. Fin.

Así de fácil, sen máis. Porque as cousas sinxelas, sen dobreces, son as máis grandes. Igual ocorre no amor, que un quere de verdade a cara descuberta. Para o importante, fóra eufemismos.