Experimentos

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

U nha moza, na rúa, está a facer un selfie, ou o que foi ata hai nada unha autofotografía. Véxoa mentres camiño cun sobriño, que me pregunta por que está de moda facerse as fotos así. Argumenta que se el quere saír ben nunha, pide que lla saquen. Non entende esta nova moda. Eu sorrío. Estou totalmente de acordo. Ata hai ben pouquiño, cando alguén non tiña quen lle fixera unha foto para poñela no seu perfil das redes sociais, o que intentaba era precisamente o contrario, que non se vise claramente que a tivera que facer el mesmo, que iso era moi «cutre». Pero a tortilla deu a volta completamente.

Acabamos sentenciando que acabará deixando de ser moderno, e volveremos a facer retratos con máis acerto. Coméntolle que ata Obama se fai selfies, e que son os máis famosos, e non deixa de abrir os ollos. Ben podía pagarlle a un profesional!

Ten as ideas tan claras que non podo evitar facer un experimento. A problemática que lle propoño é a seguinte. Se nun país, a xente non tivera cartos para mercar carne, peixe, froitas e verduras... que faría el se fose presidente?

Pénsao uns tres segundos. O obvio peta na súa cabeza e non pode evitar expresar o que pensa. Esa xente, ten traballo?, di.

Respondo: si, teno. E familia.

Daquela non dubida nin un segundo máis. Pois subiríalle o soldo.

Sorrío, mentres penso no salario mínimo. Supoño que de controlar algo o que son os impostos, tamén optaría por baixar o IVE, ou cando menos, non incrementalo.

Que? -pregunta el agora.

Invítoche a un chocolate!