Se Deus os creou así...

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

07 jul 2014 . Actualizado a las 10:12 h.

O novo catecismo da Igrexa católica foi recibido con decepción non só polos colectivos homosexuais, que se senten condenados, senón polos católicos que aspiran a unha Igrexa máis acolledora con aqueles que se consideran en situación irregular: divorciados, parellas de feito, nais solteiras, etc. Son lamentables declaracións como as do bispo que equiparou o matrimonio homosexual coa unión dun home e un can. Ou as do cardeal que considera que «a homosexualidade é unha deficiente sexualidade que se pode neutralizar con tratamento», palabras que recordan as esterilizacións que na Alemaña de Hitler se aplicaban aos deficientes. Afortunadamente, non faltan voces como as do arcebispo de Barcelona, que reclama dignidade e respecto para os homosexuais. O catecismo di: <«A identidade sexual non se elixe, é un don que se recibe. Non somos creadores de nós mesmos. Deus é o único Creador». O problema está en que a Igrexa identifica corpo e identidade sexual, un erro que algunha vez corrixirán, como corrixiron outros. A realidade demostra cada día que os corpos non se rexen por un único patrón heterosexual: o obxecto dos seus desexos pode ser alguén do seu mesmo sexo.

Se a identidade sexual, o instinto que nos leva a desexar a outro ser, é un don de Deus, ou sexa, se Deus fixo así aos homosexuais, a Igrexa debe aceptalos como criaturas de Deus, e non rexeitalos nin emendarlle a plana ao Sumo Facedor.