Non é doado manter o optimismo. As novas dos xornais non están como para que nos poñamos a tocar castañolas. Ás veces hai que facer un esforzo enorme para lles explicar aos alumnos e alumnas que todas as mañás (a primeira hora) asisten puntualmente ás clases, fan os traballos, esfórzanse para ir máis alá dos apuntes, levan ao día as lecturas, etcétera, ás veces hai que facer un esforzo enorme, digo, para explicarlles que o horizonte está negro agora, coma cando se cerra de nubes a tormenta, pero que mañá abrirá, e que entón será diferente: despois da tempestade vén a calma, nunca choveu que non escampase.
Nestes casos boto man sempre da parábola da táboa de surf, que os lectores que me seguen se cadra xa coñecen. A historia vén por ondas, coma as vacas do relato de Xosé: sete ondas grandes, poderosas, e sete ondas cativas. Agora estamos no devalo das cativas. Pero volverán as outras, as que enchen de oportunidades a marea, porque o mundo móvese por ciclos, e daquela cómpre estar preparados coa táboa de surf ben engraxada, os músculos a punto, a mente espelida, para empoleirarse no cume da vaga e voar coma paxaros por riba da xerfa. Se estamos preparados, se a onda boa nos pilla adestrados, abofé que pagará a pena. Se, pola contra, esmorecemos, ou nos deixamos levar, agardando que outros decidan por nós, ou se non nos preparamos para dar o chimpo cando veña a oportunidade, a enerxía da marea derrubaranos, e entón marcharemos a rebolos ou baloucazos ata afogarmos.
«O tempo que vos toca agora é o da preparación e o adestramento, para cando veña a onda boa, que virá», dígolles ao encomenzar as clases. Ou mesmo ao rematar o curso, para que non se abaixen, nin se rendan, ás veces obrigados a buscar fóra novas experiencias, idiomas, relacións, se poden e teñen sorte aspirando a algunha bolsa, que aínda que cativa sempre axuda, e se non, saíndo ao mundo, que está aí, agardando tamén por eles. «¡Ánimo, compañeiros!», escribía Rosalía no XIX. «¡Toda a terra é dos homes!». Ela diría agora que tamén das mulleres.
Saen das probas de selectividade. Andan a escoller carreira. Traen os ollos cheos de alegría. Tamén de incertezas? Intento explicarlles que cada xeración ten a súa propia épica, a súa propia causa para transformar o mundo, e que esta é a súa: retorcerlle o pescozo a esta realidade miserable que nos abafa, esforzándose para poñer as cousas onde teñen que estar. Seguramente non o lograrán todos, nin de todo. Pero igual lles sucedeu aos seus avós, que non aceptaron a derrota. Intento explicarlles que a vida é tamén a loita por vivila, sobre todo cando se teñen vinte anos. As dúas primeiras páxinas deste xornal, o pasado venres, coa mocidade máis preparada apostando polo futuro: mozos e mozas convencidos do valor do esforzo, do estudo, do sacrificio persoal e do traballo ben feito, eran un ventiño de esperanza que abofé que necesitamos. Non vai ser doado, repito. A realidade vén atravesada. Mais iso fará que se sentan orgullosos do que consigan. Nestes tempos non temos outra cousa que ofrecerlles.