Verbena

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

03 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

País de muiñeira e pasodobre. Bolero e canción de estío. Sesión vermú e verbena: para bailar. Desafortunadamente, en moitos lugares as festas deveñen en contemplación estática, observación de variedades (humor cutre, musculados saltimbanquis, estriptís ordinario). Algúns falan de nova época. Megaorquestras con clube de fans. Teñen mérito: son quen de acaparar atención e mercado. Pero a min non me agradan. Eu son de verbena diferente. Músicos óptimos, cantantes fantásticos, escasa palabrería e ritmo alegre. Tamén había lugar para a melancolía e a danza apretada, sensual e licenciosa. Estamos a perder parte do noso patrimonio: exclusivamente galego. E perdemos porque nos embarcamos no camión do espectacular, aparatoso, pomposo. Os óptimos músicos e os fantásticos cantantes cobran menos que antes: porque as comisións gastan a porcentaxe maior dos seus presupostos en exhibicións de poderío. Os botellóns fanse nas prazas ou campos das vilas: fronte ao escenario panorámico, olímpico ou parisino. Non me agrada que perdamos parte do noso, ou sexa, parte íntegra de Nós. Prefiro a anduriña de Juan e Junior que unha mala imitación de Lady Gaga. Bob Dylan en versión de aquí que a fanfarria internacional. A charanga humilde antes que a dictadura do chabacano. Os gaiteiros gústanme os de verdade. Disgústame que insulten a miña intelixencia relatando supostas sutilezas sexo?humorísticas (todas con recendo a país inculto). Son os malos tempos, señor, contestábanlle a Pedro Páramo cando visitaba Comala. Nada podo facer contra o éxito do éxito. Pero sigo pisando as verbenas con recendo a antes: óptimos músicos e fantásticos cantantes. Son irremprazables, insubstituíbles. Tan necesarios.