Impostos e prostitución


O s inspectores de Facenda, entre outras medidas como subir o albor do delito fiscal dos 120.000 aos 600.000 euros, piden a legalizar a prostitución, que xa é unha actividade legal vencellada a unha actividade ilegal, o tráfico de persoas, e desenvolta en condicións de ilegalidade, con mediación de terceiras persoas. A prostitución non pode ser unha actividade por conta allea (segundo a normativa europea), e ten que ser a cambio dunha remuneración pagada íntegra e directamente.

Isto non é o que está a pasar. A maior parte da prostitución desenvólvese coa intermediación e para beneficio de terceiros, e en moitas ocasións con tráfico de persoas, pero o feito de que a actividade en si sexa legal e feita por persoas en condicións de forte debilidade e dependencia, fai moi difícil a persecución do que é delituoso.

Os inspectores din que todos os estudos son interesados, parece que non coñecen os realizados nas Cortes e no Parlamento de Galicia e que conclúen que, aínda que exista consentimento da vítima, a prostitución é explotación e ten relación directa coa pobreza. ¿Pódese legalizar ou regular a explotación?

É certo que hai mulleres que chegan a esta actividade por engano e que outras o fan «en teoría libremente», pero a maior parte destas últimas o fan procedendo de situacións de extrema necesidade ou de explotación previa, e as que realmente o fan libremente, precisamente por iso, non precisan de protección.

Non se pode legalizar o que xa é legal, e cando se fala de regularizar, ¿que se pode regular? O dereito de traballo só regula o traballo por conta allea e en todas as actividades que teñen algún risco, se incorporan medidas de garantía e prevención de riscos para as persoas que as desenvolven. ¿Como se pode facer iso na prostitución?

Os dereitos sociais en España, incluídas as pensións non contributivas, son universais (agora limitados polo actual Goberno, especialmente ás persoas estranxeiras) e unidos ao pago de impostos que todos os residentes facemos (por exemplo, o IVE).

No que habería que intervir é na demanda. Calquera produto ou actividade da que haxa demanda, estará no mercado. ¿É aceptable utilizar como cousas das que se pode dispoñer para propia satisfacción a outras persoas en situación de extrema necesidade? A única maneira de diminuír esta explotación é poder perseguir todas as ilegalidades que hai arredor dela e penalizar a demanda.

Na sociedade sempre haberá todo tipo de condutas, pero isto non xustifica que, porque algo exista, haxa que regulalo. O que ten que facer a sociedade é diferenciar as condutas que considera aceptables das que non, e promover a liberdade e igualdade de todas as persoas, incluída a liberdade sexual, e tentar evitar que a parte débil da sociedade teña que estar sempre ao servizo da outra.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos

Impostos e prostitución