En outubro de 1975 Franco estaba gravemente enfermo, polo que o presidente Arias Navarro pediu ao príncipe que asumise interinamente a Xefatura do Estado; pero don Juan Carlos negouse. Fixérao xa o 9 de xullo do ano anterior, cando o caudillo enfermara dunha flebite e tivo que ser ingresado. O 2 de setembro, despois que don Juan Carlos presidise no pazo de Meirás un Consello de Ministros e volvese a Mallorca para estar coa familia, Franco comunicoulle por teléfono que retomaba o poder.
Algúns politólogos cren que Franco respondeu así a un artigo do colectivo Tácito, promovido polo propio príncipe, no que se lle pedía que, nun acto de xenerosidade, entregase as rendas, con todas as consecuencias, ao sucesor a título de rei. Para outros fíxoo, indignado, pola conversa telefónica que, días antes, tiveran don Juan Carlos e o pai, da que foi informado. Hai, en fin, quen atribúe a decisión ás manobras do marqués de Villaverde, que xa tentara impedir a cesión temporal do poder, e a véspera, en Meirás, estivera groseiro co príncipe.
En calquera caso, don Juan Carlos non aceptou ata que Carmen Franco lle garantiu que o pai non volvería á Xefatura do Estado, aínda que saíse do hospital.