Morren máis que nacen

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

O Instituto Galego de Estatística (IGE) mide a relación entre nacementos e defuncións e fixo públicas unhas estadísticas aterradoras: o país perde poboación a un ritmo acelerado: cada mes hai mil galegos menos en Galicia. Os que quedan son cada vez máis vellos. A poboación maior de 65 anos triplica á que ten menos de 20 en case a metade dos concellos. Isto explica que Galicia sexa unha das rexións europeas máis envellecidas e cunha taxa de fecundidade máis baixa.

As razóns desta situación son económicas, sen dúbida, pero non só. O número medio de fillos por muller en idade fértil (1,12 ) está moi por debaixo do doutras rexións de Francia, Italia ou Portugal, que teñen unha renda per cápita inferior á galega.

A razón profunda desa escaseza de nacementos está na falta de apoio dos gobernos á natalidade. Hoxe, ter un fillo é unha carga económica para o matrimonio, pero para a muller é un parón, en ocasións definitivo, na súa carreira ou no seu traballo. O prezo de ser nai significa para moitas mulleres limitar as súas aspiracións laborais e mesmo renunciar a elas.

Os expertos sinalan que Galicia creceu demograficamente cando se freou a emigración. Crear emprego é o primeiro paso para frear a sangría demográfica, pero se non vai acompañado dunha política de conciliación, se non se favorece ás nais, non servirá de nada. Sen coidados, só medra a mala herba.