Clave Bach

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Non se precisa demasiado para ser feliz. A saúde (propia e impropia), o imprescindible para non soportar primarias carencias, as estimas, os cómplices e as ilusións penduradas de calquera lúa lúa lúa; e, quizá, un piano. A miúdo extravío a miña prosa nas teclas dun preludio balada sonata rapsodia. Chopin alimenta fugazmente as máis imperceptibles venturas. Liszt e Schubert resultan, na súa transparencia, conmovedores. Brahms ennardece. Mozart, lira e delirio. Haydn e Rajmáninov completan a borrasca de xuño. E podería seguir ata soletrear a nómina dos predilectos. Pero só Bach, que compoñía para clavicémbalo, é quen de transportarme; viaxarme, digo. Hai anos roubou a miña alma e anda con ela xogando por aí, de astro en astro. Quen non coñece a Bach, non pode saber que a felicidade está ao alcance da pel: porque Bach crea para ela, poro por poro, acariñándonos. Converte o acto de vivir en fértil conflagración de gozos, orquídeas, pó de estrela, xenio. Cioran afirmaba que Bach era a proba da existencia de Deus. Quen ama a Bach ama á humanidade. El, sen si mesmo, é unha canción de amor. Se estás triste, escoita a Bach. Se nada funciona, Bach. Se te abruma a realidade, coa súa demagoxia enlatada, tópicos e típicos, mediocres e medianos, escoita a Bach. Elévate. Non camiñes sen mirar horizontes. Levanta a cabeza. Cando un ser humano é capaz de inventar -con notas de música- a beleza, sabemos que nada está perdido. Que queda todo por ganar. Que somos afortunados por vivir e ser vividos. Polas mañás habitadas, polas noites idas, polo futuro: estación esperanza. Enterradas as perfidias e navallas. Rotos os soños rotos, proclamo: todo pasa. Só Bach, clave a clave, permanece.