Moitos alegráronse

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

Moita xente alegrouse co fracaso da selección española, e creo que as razóns son as mesmas que levan aos brasileiros a manifestarse contra a celebración dos mundiais de fútbol no seu país: as dificultades económicas.

Eu adoito saír a andar por un parque no que o mércores, á hora do partido España-Holanda, só había mulleres, paseando cans, pero falaban da selección. Unha dicía: «Iso págano os clubs, ¿non?». Outra contestou: «Págao a Federación, ou sexa, nós». E a primeira concluíu: «Pois, entón, que perda».

Un pouco máis alá, outra muller dicía: «Na miña vida verei eu xunto o diñeiro que gañan eses nun ano. E enriba van de heroes».

Ás razóns económicas únense as políticas. Non sei se con razón, hai xente que pensa que un triunfo da selección española favorecería moito a Rajoy para as próximas eleccións, así que celebraron o fracaso coma se o que estivera en xogo fose a presidencia do Goberno.

E tamén hai republicanos que aseguran que a data da coroación se fixo coincidir coa do partido do Mundial, convencidos de que gañaría España e de que as celebracións do fútbol se sumarían ás dos monárquicos, dando a impresión de que todos estaban felices co novo rei. Eles están moi satisfeitos co fracaso, que esperan sexa extensible á monarquía.

En fin, non cabe dúbida de que a crise nos ten a todos a bile moi revolta.