A palabra Angrois resoa coma un eco cada vez que se pronuncia. Un silencio xordo, que se move no medio do aire coándose en cada curruncho. Unha das mozas que remataban a súa residencia no punto de atención continuada de Santiago ese 24 de xullo di que o que máis lembra da fatídica xornada é o silencio que reinaba, cando se agardaba precisamente un balbordo incontrolable. Os ecos dese mutismo permanecen hoxe.
Os médicos sabían que a situación era inabordable, e con todo, seguiron loitando coma se puidesen resolvela á perfección. Con profesionalidade, e coa alma posta en cada desgraza particular que ían esmigallando dentro da xeral. Por iso, son totais merecentes do recoñecemento que lle vén de outorgar o Colexio de Médicos da Coruña. A medalla de ouro recibiuna Ángel Carracedo. Emociónome con cada homenaxe que recibe o catedrático de Medicina Legal. É unha das figuras científicas máis salientables do noso país, e aínda que pareza imposible, a súa calidade humana supera os logros profesionais. E digo isto porque, como traballador, é inesgotable e brillante. Dificilmente mellorable, si, pero a súa personalidade próxima e sinxela acaba por superalo sempre. Tiven a sorte de coincidir con el nalgún acto. Recibe á xente (e os premios) cun sorriso amplo, sen dobreces, sincero ata o límite. A humildade rebórdalle por cada poro da pel. É sensible, compresivo, agarimoso.
É en definitiva, tan grande, que non é consciente diso. Merece todas as medallas do mundo. Un orgullo que nos represente.