Outro tempo

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Escribiu Ángel González: «Otro tiempo vendrá distinto a éste». Un escribe para confesarse, ocultarse, reprimirse, redimirse, crecer ou non crecer, vivir e revivirse. Un escribe para compartirse, repartir pedazos de optimismo e fortuna, pombas minúsculas voando: de corazón en corazón. Este xoves, por exemplo, pido que peches os ollos en cada punto e seguido; non nas comas, puntos e comas, non nos silencios ou pausas, non nos adxectivos que proclamo imprescindibles. Este xoves arrimo os dedos, plenos de palabras, para regalar caricias. Nunca amargura: estirpe que detesto. As cousas poderían ser mellores do que son, pero non nos salvará da inapelable realidade a tristeza. Hai un sol detrás de cada túnel. Pasarán os malos días, as horas malas e as malas horas, como pasan os invernos. Xuño, doce, parece que as ondas do mar reclaman que regreses: sílice de gozo, luz. Un escribe para pegar con pegamento os soños rotos. Un escribe para non ser vencido polo olvido, aínda que o olvido todo o vence. Incluso o teu sorriso. El quedará, pese a todo. Cando ti non esteas, cada risa permanecerá invisible nas nubes árbores camelias milpéndoras silvas. De nós quedará unha nada dividida noutras nadas. Daquela alguén ha de deluvar os ollos para mirarnos, contemplar o que fomos. E se fomos lume, calor daremos. E se fomos negror, ninguén poderá ver en nós unha pinga de cor viva. Un escribe para amar, ou para que o amen. Desesperadamente. Quizá por ese motivo, como cada xoves, procuro signos de esperanza. A tenrura e os afectos e os abrazos. Vida. Non te deixes caer. Que non te homologuen clonen igualen asimilen. Non te resignes. Non deixes de ser ti. Outro tempo virá distinto a este.