Celso Collazo

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

OPINIÓN

08 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O galego Celso Collazo Lema (Vimianzo, 1921) é un dos precursores e pioneiros da divulgación científica española. Tal e como escribía este luns Carlos G. Reigosa na súa columna, Celso pertence a unha xeración irrepetible de galeguistas históricos e, a partir dos anos 50, foi un dos meirandes xornalistas internacionais de España. A súa paixón científica naceu nas súas etapas en Londres, Moscú e Nova York-Washington, á fronte da axencia Efe, nas que viviu (entre finais dos 50 e finais dos 70) a auxe da carreira espacial e os inicios da revolución microelectrónica. O director dun importante medio de comunicación científica contábame onte como foi a Celso a quen lle oíu por primeira vez os conceptos de «redes de ordenadores» e «autoestradas da información». A súa vasta cultura científica impregnou moito do seu labor e mesmo o levou a ser nomeado membro da Academia de Ciencias de Nova York (a terceira sociedade científica máis antiga dos EE.UU.) en 1992. Dende aquí reivindico a figura deste galego egrexio, dunha brillantez que debería ser máis recoñecida, nuns momentos nos que está a pasar dificultades.