No espasmo laudatorio dun país no que, en palabras de Rubalcaba, «enterramos moi ben», algúns din que Juan Carlos foi o mellor rei da historia de España, estupidez soberana, entre outras cousas porque non se pode comparar un monarca absoluto, que concentra en si todos os poderes, cun rei constitucional, que os ten máis ou menos limitados. Pero a ocorrencia dános pé para repasar as actitudes da dinastía respecto das liberdades modernas dende a Constitución de 1812 até hoxe. E o balance non é precisamente para presumir. Fernando VII, aquela boa peza que pretendera destronar ao seu pai, que se someteu logo aos ditados de Napoleón e que retornou finalmente para cargarse a Constitución, foi sempre un acérrimo defensor do despotismo e de feito a revolución liberal non se puido consolidar até despois da súa morte. A súa filla, Isabel II, xa raíña constitucional, usou sempre que lle foi posible os poderes que lle confería o sistema moderado para inclinar os gobernos cara a unha dereita canto máis autoritaria mellor, até que a maioría (incluída boa parte dos conservadores) se fartou e botouna fóra coa revolución de 1868. A democratización parcial do convulso sexenio posterior foi anulada coa restauración da dinastía en 1875, grazas a un golpe de Estado militar que entronizou a Alfonso XII, quen non fixo ren nin para mellorar nin para empeorar o réxime parlamentario-caciquil durante o seu breve reinado. Non así o seu fillo, Alfonso XIII, cabeza activa dun sistema politicamente insostible na nova época da política de masas, quen acabou avalando a primeira ditadura militar e caendo con ela en 1931.
Franco debeu ter moi en conta estes antecedentes porque dende moi cedo fiou nese suposto xen autoritario dos Borbóns o sempre difícil, case imposible, labor de dar continuidade a unha ditadura. Descartou ao herdeiro legal, don Juan, xa adulto e ademais algo contaminado de liberalismo, circunstancias que lle impedían a Franco repetir o experimento da primeira ditadura ou da Italia mussoliniana. Asi que aleitou ao pequeno Juan Carlos quen, porén, sen dicir esta boca é miña e aparentando submisión ao Movemento Nacional, foise reprogramando nun sentido moi pouco borbónico. Consciente de que a única vía para recuperar o trono dun modo estable era homologar minimamente a España coa Europa das democracias, e se cadra coa experiencia do seu cuñado grego in mente, fixo o que todos sabemos: usar o poder que lle dera o franquismo para, xunto cun grupo de asesores afíns, contribuír a desmontalo procurando un punto de encontro coa oposición antifranquista. E nisto foi un Borbón excepcional, o primeiro da época contemporánea que impulsou o progreso político respecto da situación anterior, no canto de frealo ou destruílo. Papel que só foi posible porque Franco lle legara o poder necesario. Paradoxos da historia.
¿E Felipe VI? Liberado dende o berce da vella enfermidade familiar, ben entrenado pero carente constitucionalmente de poder real, só pode influír sobre a política cumprindo ben o seu papel para non crearlle máis dificultades ao sistema e a si mesmo. Que teña éxito ou non, non depende del.