Abdicación en cambio de ciclo

Ramón Villares FIRMA INVITADA

OPINIÓN

03 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Amonarquía é unha institución ben antiga, pero que non goberna ben os tempos da democracia. A duración dun reinado coincide coa vida da persoa que ocupa o trono, con contadas excepcións. E a propia institución adáptase mal a un contexto histórico de gobernos representativos e de participación masiva na vida política. Por definición, a monarquía debe ser algo excepcional e os seus membros, diferentes do común do pobo que gobernan. Facer compatible esta contradición foi un dos grandes retos das monarquías europeas na época contemporánea e non sempre lograron resolver con éxito este desafío. Xa o grande constitucionalista inglés W. Bagehot apuntaba en 1867 ser este un dos grandes dilemas ou tensións da institución monárquica: como ser «normal» unha persoa que ten atributos de excepción, o primeiro deles non ter sido elixido para o cargo.

As monarquías constitucionais saídas das revolucións liberais do século XIX esforzáronse en facer compatible esta tensión, mediante a solución de se converteren nun cuarto poder, de carácter moderador, e apropiándose dun grande poder simbólico que aspiraba a representar as nacións en construción. Malia tratarse de sociedades gobernadas por oligarquías, con voto censitario e con grandes acordos nos bloques políticos dominantes, as monarquías da época liberal foron varridas na súa grande maioría nos tempos da Primeira Guerra Mundial, cando caeron imperios pluriseculares, como o austro-húngaro, alemán, ruso e otomano. Zares e emperadores foron derrubados, exiliados ou asasinados, para seren substituídos por pequenas e grandes repúblicas que, en xeral, nunca máis lle abriron as portas a unha solución monárquica. As monarquías que ficaron en pé, que foron unha minoría, resistiron mellor as esixencias das democracias da posguerra e, salvo o caso do referendo italiano de 1946, todas elas se manteñen actualmente en vigor.

O caso da monarquía de España, sen embargo, presenta unha singularidade evidente neste panorama comparado. Refírome ao feito ben estraño de que, en contra do que sucedeu no resto de Europa, a monarquía en España padeceu ata tres caídas e, por outras tantas veces, a institución foi recuperada ou «instaurada». Aconteceu a primeira caída en 1868, co destronamento da raíña Isabel II; en 1873, coa abdicación (sen sucesor) de Amadeo de Saboia; en 1931, coa abdicación obrigada de Alfonso XIII perante a marea de republicanos que saíron á rua na festa do 14 de abril. Pero outras veces, e por camiños distintos, retornou a España a institución monárquica. Acontece en 1870, coa elección como rei, polas Cortes, dun vástago da casa real italiana na persoa de Amadeo I; en 1875 co retorno de Alfonso XII e, finalmente, en 1975, coa chegada final ao trono español de Juan Carlos aos poucos días de morrer o dictador Francisco Franco. A vida política española contemporánea ten, pois, unha grande experiencia en quitar e poñer reis.

O contexto no que Juan Carlos accedeu ao trono non era de todo favorable, pois o sentimento monárquico nen era forte no campo franquista nen tampouco na oposición e menos no exilio. Malia esta debilidade inicial, a lexitimidade de exercio do monarca -revalidada con ocasión do 23-F-, converteu a Juan Carlos nun rei non só aceptado maioritariamente polos partidos políticos hexemónicos -incluído o PCE-, senón que tamén gozou dun grande favor popular. Por primeira vez na historia de España, salvo no caso de Amadeo de Saboia, había un monarca constitucional que desempeñaba as súas funcións con respeto polo marco legal e sen caer no favoritismo partidario. Este período de graza da monarquía comezou a crebarse nos últimos anos, por erros cometidos polos membros da Casa Real e por mudanzas no ámbito da política e polas consecuencias que tamén está a provocar a crise económica.

E neste contexto prodúcese a abdicación de Juan Carlos, que é un acto pouco común na historia da institución monárquica. Realmente, desde hai case trescentos anos (abdicación de Felipe V), nunca se producira unha decisión semellante por propia vontade do titular da institución monárquica. Que esta abdicación sexa urxida ou non polas circunstancias, verase co paso do tempo. En todo caso, trátase dun acto valente no persoal, pero que ao meu xuízo chega tarde para a institución e para o seu propio sucesor, o actual príncipe Felipe. Por esta razón, o desafío que se lle presenta ao novo monarca será de tanta ou maior dimensión da que tivo que afrontar o seu pai hai corenta anos.

Certamente, a sucesión prodúcese de forma normal e de acordo con pautas democráticas e constitucionais, que son ben diferentes das que levaron ao seu pai á maxistratura rexia. Pero o futuro está cheo de incertezas. O pacto constitucional que alumeou a transición democrática, incluída a organización territorial do Estado, está hoxe posto en cuestión. E o malestar da democracia española, que é común ao doutros moitos países, abre o camiño para que se identifique de novo, como en 1930, democracia con república. Porque esta abdicación chega en tempos de evidente cambio de ciclo político. A pregunta, pois, é se será capaz o futuro monarca de manter en pé a institución, gobernando as previsivibles adversidades grazas á súa capacidade de resistencia e de flexibilidade, dun modo semellante ao comportamento «resiliente» de moitos materiais. Todo vai depender da evolución da política española e, desde logo, do exercicio das funcións institucionais que o novo rei leve a cabo. Con todo, e malia a aparente marea mediática republicana, non se albisca aínda que un seguidor de Ortega y Gasset teña que escribir un novo artigo político coa inapelable conclusión de que Delenda est monarchia. Pero todo pode suceder e sería por cuarta vez. Un «récord» difícil de igualar.

Ramón Villares é presidente do Consello da Cultura Galega e catedrático de Historia contemporánea da USC.