A mensaxe da cidadanía

Pilar Cancela O DEBATE

OPINIÓN

01 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O mal resultado das eleccións europeas sérvenos para constatar o desapego da cidadanía dos partidos con responsabilidade de goberno e para medir o impacto dunha crise que está a producir un cataclismo social. Pero o peor resultado electoral para os socialistas sería que a cidadanía ratificara co seu voto o esnaquizamento social que está a levar a cabo a dereita, e iso non ocorreu. Hai una maioría social de esquerdas, e o PSOE ten a obriga de renovarse para volver a identificarse plenamente con ela. Os socialistas construímos o estado de benestar neste país, por iso temos que seguir sendo a referencia na loita contra a desigualdade. Tras os resultados das europeas, o PSOE entendeu a mensaxe que lle trasladou a cidadanía e empezou o cambio. Pola contra, o PP enrocouse aínda máis na súa soberbia. No PSdeG non estamos satisfeitos co resultado obtido, pero comezamos a sentar una base da recuperación do partido en Galicia. Nunha situación tan difícil para un partido de goberno, empezamos a recuperar porcentaxe de voto con respecto ás últimas eleccións galegas, sinaladamente nas cidades, mentres que caeron todas as demais forzas galegas con representación. No PPdeG saben que están sós e sen lexitimidade para tomar decisións. Os socialistas nunca nos centramos en recoller o descontento a través do imposible, sempre nos foi mellor centrándonos en recuperar a súa confianza con feitos. Os socialistas non cremos nas castas políticas, porque os partidos temos que someternos á renovación da confianza da cidadanía. Cremos na forza do voto para cambiar as cousas e para elixir novas persoas, e xa estamos traballando para que así sexa.