Dentro de poucos días viaxarei ata Montreal (Quebec) para despedirme na miña actividade coa Asociación Internacional Dereito á Enerxía-Sos Futuro (DAE), na que tiven a responsabilidade de coordinar o equipo de dirección desde a Secretaría Xeral da ONG.
Lembro hoxe, cando o meu pai quería saber do tempo e os esforzos que lle fun adicando a esta nova tarefa ao longo e ancho do mundo e preguntábame con certa teimosía, que facedes?, que obxectivos tedes?, merece a pena o que estades facendo?, está servindo para mellorar algo? As miñas respostas ao vello electricista sempre tiveron o obxectivo de explicarlle que todo o relacionado coa enerxía ía mais alá das leis da termodinámica, era un espazo de grandes intereses económicos, de loita polo poder en todas as súas manifestacións.
Catorce anos logo da súa creación, DAE ten no seu facer, contribucións a nivel mundial que quizais son de difícil medición, pero de gran valor e transcendencia como aporte ao debate enerxético: o erro do abandono na consideración de servizo público na xestión enerxética, a loita contra a mercantilización da enerxía, as nosas análises e propostas nos espazos da xeopolítica da enerxía, o dereito á enerxía e a súa dimensión social, a precariedade enerxética, a tarifa social, a elaboración de políticas e regulamentacións nacionais da enerxía que contribuíran a crear as condicións económicas, sociais e institucionais necesarias no sector enerxético.
Son para min estes días tempo de reflexión e análise. Sobre a tarifa eléctrica (relacionando o prezo dun consumo mínimo para unha vida digna co sobreconsumo) e sobre todo cos afectados polos cortes do fornecemento das compañías eléctricas á quen non poden pagar pola falla de recursos; sobre a xestión e a a nivel mundial, a loita polas fontes da enerxía primaria e sobre os 2000 millóns de persoas que non teñen acceso á enerxía convencional .
A quen lle poida interesar a miña opinión, direille que, tanto na lexislación, como na xestión da enerxía, no Estado Español sería de interese considerar que podemos estar de cheo nunha nova crise. Os aspectos fundamentais, son:
Abandono dunha planificación real e da consideración de servicio público, exceso de instalacións de xeración para a demanda previsible en bastantes anos, guerra de tecnoloxías, tarifas opacas e únicas, mercado engaiolado e a débeda do Estado coas eléctricas, en progresión constante nunha Europa sen política enerxética común e con moita dependencia, sen interconexións lóxicas-fiables e a indixencia enerxética medrando a cada pouco. Algo terá que, ver co que esta sucedendo, o bipartidismo hexemónico. Non vos parece?
Fálase moito e non se debate de nada. Hai outras formas de enfrontar estes problemas e precisamos mesmo mirar para diante. O paradoxo de Jevons exprésao da seguinte forma: a medida que o perfeccionamento tecnolóxico aumenta a eficiencia coa que se usa un recurso, é máis probable un aumento do consumo do devandito recurso que unha rebaixa. Concretamente, o paradoxo de Jevons implica que a introdución de tecnoloxías con maior eficiencia enerxética poden, ao cabo, aumentar o consumo total de enerxía, é dicir, que aumentar a eficiencia diminúe o consumo instantáneo pero incrementa o uso do modelo o que provoca un incremento do consumo global.
Non está de máis, o pensar sobre estes asuntos tan importantes para a humanidade. Os partidarios do decrecemento empregan este paradoxo para defender as súas teses, nas que opinan que é necesario un cuestionamento do progreso tecnolóxico, que ven máis como unha fuxida cara a adiante que como un verdadeiro progreso. Así, por exemplo Serge Latouche explica que as diminucións do impacto e de contaminación unitarias atópanse sistematicamente anuladas pola multiplicación do número de unidades vendidas e consumidas. Estou convencido desta verdade relativa.
Sobre esta temática farei a miña derradeira intervención en DAE e rematarei coas miñas verbas de Ánimo e Adiante!, porque condensan as ideas forza con as que sempre enfrontei os retos da vida desde unha perspectiva dialéctica.