Un anuncio intolerable

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

Unha coñecida marca de roupa e complementos femininos fixo un anuncio co título Tú decides, que agora se pode ver na rede. É unha burla ao eslogan feminista e un insulto a todas as mulleres que loitaron ao longo de moitos anos por conseguir un respecto para o corpo da muller e unha igualdade social cos homes. No anuncio vese unha rapaza nova que se mete baixo a faldra un coxín e observa compracida a súa imaxe de muller embarazada. A continuación saca uns preservativos e pícaos moi sorrinte cun alfinete. Despois quita o coxín e vaise, moi leda, mentres se escoita unha voz que di: «Feliz Día de la Madre. La vida es chula».

Está claro que a rapaza decide frivolamente ser nai, enganando á súa parella, e que a marca está utilizando enganosamente un eslogan que defende o dereito das mulleres a decidir se queren ser nais ou abortar, segundo sexan as súas circunstancias.

É intolerable que un asunto tan serio se trate de forma tan frívola, tan estúpida e tan perversa, convertendo o que é a defensa dun dereito nun exemplo de falsidade feminina. ¿Que clase de muller lle fai iso á súa parella? Os comentarios dalgúns dos homes que viron o anuncio son moi contundentes. ¿É licita esta clase de publicidade, que mostra como atractivos comportamentos insultantes e denigrantes? Non debería selo.