Funcionaba ben

María Canosa< / span>

OPINIÓN

Claro que funcionaba ben. Só faltaba que puxeran en circulación trens aos que lles faltan pezas ou con fallos sistemáticos no sistema. ¡Ata aí podiamos chegar! Se dubidamos de contar con transportes defectuosos xa de partida? mal asunto. Así que o perito da Xunta que analiza o fatídico accidente do Alvia daquel 24 de xullo, pouco achega á investigación.

O que hai que determinar é se as características da máquina se axeitan ás da vía. E se os sistemas de freado utilizados, que poden funcionar illadamente, son os adecuados á categoría que defenden. De non ser así, é cando temos que preguntarnos por qué se mesturaron. E aí aparecerá a raíz do problema, e daquela, poderán definirse tamén as causas, as consecuencias, e as responsabilidades de cada quen.

Os razoamentos non son tan sinxelos como dicir: o mecanismo estaba completo e funcionaba ben. Culpa do maquinista. Non. Así non se fai.

¿E a vía? ¿Cumpría as características requiridas para alta velocidade? ¿Era compatible con esa maquinaria para manter a seguridade dos viaxeiros?

Se queren simplificar o proceso, fagámolo, e é así de sinxelo: non se pode ter un peso a catro pesetas. Non podemos facer dunha estrada local, con curvas pechadas, unha autopista, ¿verdade? Pois trasladen isto ao ferrocarril.