O mito da era excepcional

Miguel Murado
Miguel-Anxo Murado LIBRO DE HORAS

OPINIÓN

Escoito, unha vez máis, que vivimos nunha era de transformacións radicais e constantes. A causa sería a rapidez do cambio tecnolóxico. Quen o di preséntase como filósofo: «o ser humano vive, como nunca antes na historia, nunha vértixe de novidades e o esforzo que ten que facer para estar ao día é cada vez maior». A min todo isto faime pensar no meu avó José María, que en paz descanse. El naceu nun mundo no que o cabalo era aínda o medio de locomoción principal e morreu noutro no que había transbordadores espaciais para ir á órbita terrestre. Ao longo da súa vida viu aparecer o avión, o coche, a luz eléctrica, os plásticos, a anestesia, o cemento armado, mesmo os primeiros ordenadores? Comparados con iso, os cambios que levo presenciado eu son máis ben cosméticos, a maioría referidos a un campo concreto da cultura humana que é a comunicación. A sensación de novidade é moi intensa, desde logo, sobre todo porque vivimos sometidos a unha constante «propaganda do novo», pero moitos expertos pensan que, polo contrario, vivimos nunha época de cambios tecnolóxicos relativamente lentos. Non é cuestión subxectiva: o número de patentes per capita, a mellor maneira de medir a innovación, empezou a caer hai anos. Pouca xente se decata de que a velocidade dos avións permanece estancada desde a década dos 50 do século pasado; ou de que o home foi á Lúa, pero que desde 1972 non volveu nunca. De feito, hai máis de 40 anos xa que ninguén sae da órbita terrestre. Mesmo a nosa sociedade industrializada, que nos parece que mudou tanto, é moito máis semellante á de hai 50 anos do que se parecía a de hai 50 anos á de décadas precedentes.

Moitas das que consideramos invencións recentes son máis ben os ecos de grandes invencións do pasado, perfeccionamentos de tecnoloxías que xa existían, nalgúns casos moi antigas. Internet non é senón unha combinación de dous inventos xa vellos, o ordenador e a telefonía. O ciberespazo, se entendemos por isto a existencia dun entorno de comunicación instantáneo sen un soporte físico, existe desde a década de 1850, cando se empezou a expandir o uso do telégrafo. O mesmo pódese dicir das transformacións sociais empurradas polo cambio tecnolóxico. En A Internet victoriana, Tom Standage conta como practicamente todas as cousas que hoxe consideramos parte dunha «nova cultura» de Internet xa se daban no século XIX: descoñecidos que se citaban e namoraban por medio de telegramas, ameazas anónimas ou estafas a través dos fíos, campañas solidarias banais... Do telégrafo dicíase que ía crear un mundo cun único goberno e faría desaparecer os países, que impediría as guerras... Cen anos despois os gurús da tecnoloxía seguen a predicar o mesmo evanxeo. As promesas sempre son as mesmas e nunca se cumpren, pero isto non nos impide seguir crendo nelas a cada nova tecnoloxía que aparece. Como todas as filosofías de éxito, o que importa non é que algo sexa certo, senón que queiramos que sexa certo.