Non só escornan os touros

OPINIÓN

28 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Os desbarres da señora Aguirre son de grande entidade. Lembremos que, nas súas manifestacións máis recentes, son antiespañois os que refugamos as corridas de touros -esa porcallada, que dixo Pío Baroja-, o que mellor simboliza «la esencia misma de nuestro ser español» e que prohibilos é propio de españois que queren deixar de selo. Nada menos.

¿Son desbarres ao chou os que acostuman ser obsequios da señora lideresa, ou máis ben mostras da alta política que ela e outros como ela fan neste país? Teño a completa seguridade de que non cre semellantes babecadas, nin que procure que os máis, ou moitos, as creamos. Hai outra finalidade nesas saídas súas, case de persoa adoecida.

Vese que non atura sentirse fóra da actualidade da vida da política: non só semella que no seu partido lle fan pouco caso, senón que esas e outras saídas de ton son aproveitadas para pecharlle portas. E verse reducida á irrelevancia si que é algo que non pode aturar. De aí o desbarre teimoso, un día si e outro tamén.

Tampouco cabe desbotar a idea de que tanta baballada non sexa procurada adrede: na alta política que neste país se coce simulación e realidade van xuntas. E hai xente que, por exemplo, cre que estamos saíndo da crise porque iso é o que ve e escoita nos telexornais. O poder sabe que a xente está disposta a crer no que quere crer.

Gabou tamén o valor dos que van aos touros -os que non imos somos covardes, a saber por que- e dixo que, despois do «cristianismo y amor patrio», na súa casa ensináronlle o amor aos touros. ¿Hai alguén que crea que todas estas babecadas non teñen unha finalidade política? Por exemplo: remexer na irracionalidade visceral dun país máis proclive a escornar que a pensar. Entón o desbarre xa sería outra cousa.