Incontestable

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Hai cousas que, por absurdas, merecen ser incontestadas. Nun principio non pensaba escribir disto, pero non era un caso illado. Aínda queda xente que pensa que o galego é un dialecto, que cre que os idiomas os inventan catro filólogos aburridos. Que saber falar galego é perder o tempo. Iso doeume. Hai quen di que deben estudarse linguas máis elementais. Non sei exactamente que é o que define iso. Os idiomas poden ter distinto poder, definido polo número de falantes, pero todos teñen o mesmo valor, porque coinciden na mesma función: comunicarse, expresar. Está claro que hai xente que non ten a mesma concepción e consideración sobre os distintos idiomas. Aínda que neguen ter algo en contra do galego, atrévense a suxerir a quen lle envía un currículo que elimine o coñecemento desta nosa lingua nas súas credenciais. Menos mal que non ten nada contra o galego. Vaia contradición. Se non lle molestara, non asesoraría a negación do coñecemento da lingua. A repetida pregunta de por que falas ou escribes en galego é terrible. Pero respóndese cun «¿e por que non?». ¿Ás declaracións incontestables... que resposta dar?