Outra ocasión perdida

OPINIÓN

Coido que teñen razón os que pensan que a sesión do martes no Congreso foi unha ocasión perdida. Unha ocasión de facer política, cousa que neste país só se reduce ao que se vén chamando portazo -inmobilismo moi propio dun país primitivo- e ás vergoñentas saídas, fugas e babecadas da señora lideresa.

Porque estamos convencidos de que, cunha política de verdade, resolver o problema catalán, e outros semellantes, é unha cuestión moi sinxela. O que asombra é que non se enfronte de cara, e civilizadamente, poñendo enriba da mesa unha cuestión que, na súa esencia, xa foi resolta e para a que, ademais, hai solucións legais, políticas e prácticas polo mundo adiante.

Tarde ou cedo -e canto máis se tarde vai ser peor- chegarase a unha real soberanía compartida, como para España suxire M. Keating, soberanía compartida que hoxe mantemos en Europa, a non ser que haxa inxenuos que pensen que somos soberanos diante da troika cando xa non o somos nin diante da señora Merkel. ¿É esa a realidade, ou non? Disto é do que hai que sentarse a falar.

Pero en vez de falar botamos discursos cheos de vulgaridades e que, ao meu ver, son ofensivos para os cataláns: tanta declaración de amor como había no discurso de Rajoy, se eu fose catalán, resultaríame ofensiva.

Un pregúntase como, diante dun problema tan grave, se poden escribir -digo escribir- semellantes frivolidades. Unha vez máis penso que ten razón Sánchez Cuenca: o problema de España é que é un país inseguro, que aínda hoxe pensa no imperio perdido e que por iso vive fóra da realidade.

Uns imperialistas fracasados, diría Castelao. ¿Non é vivir fóra da realidade agarrarse a un concepto de soberanía que xa periclitou no século pasado e que hoxe só defenden o Goberno e os tribunais?