Algunhas ideas para axudar a construír

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

06 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Preguntábanme hai pouco nun coloquio, xentes relacionadas coas industrias da cultura e da educación, pola clase de actuacións que eu defendería de darse o caso, ben pouco probable por outra banda, de ter algunha responsabilidade de goberno: «¿Que faría vostede?». Viñamos de falar da significación da cultura no desenvolvemento das sociedades: activos intelectuais e económicos fundamentais para calquera proxecto de futuro; valores da ciencia, a creatividade, a tecnoloxía e a intelixencia, que constitúen ferramentas básicas para actuar sobre a realidade (e transformala). E mais falabamos de futuro, non de medidas a curto prazo, que é a política que domina, cada quen na súa ansia particular de que lle revaliden o contrato por outros catro anos.

Arrisquei dúas liñas básicas, mesmo recoñecendo os tempos de angostura que vivimos; e se cadra unha terceira de apoio. Primeira liña: formación de capital humano, investimento en educación e capacitación, pensando moi principalmente nas xeracións novas. Segunda: infraestruturas (tanxibles e intanxibles) para acceso á información e para poder abordar con éxito os obxectivos da primeira liña: a necesaria construción do coñecemento.

Infraestruturas son as bibliotecas, por exemplo, as redes tecnolóxicas de comunicación (garantindo fluído e acceso), dotadas de recursos para mantelas en activo (non cascaróns baleiros) con cadros profesionais axeitados? Infraestruturas son os centros de ensino e as universidades, e os centros de investigación (que non traballan a curto prazo). Infraestruturas son os espazos sociais de relación, dinamización e formación permanente, convenientemente equipados, para que a acción non se reduza a territorios minoritarios ou de privilexio. Infraestruturas son as canles de difusión e distribución. Infraestrutura son os equipos humanos e a súa dotación para facer posible a primeira das dúas liñas: a construción do coñecemento (formación de novas xeracións e renovación progresiva dos equipos en activo).

Infraestruturas son as vías de relación exterior, bolsas de traballo, apoios a proxectos de risco, aínda que neste caso xa poderiamos tratar da terceira liña: a inxección de estímulos.

Na pasada marea falabamos do erro estratéxico do chamado «café para todos» referido á construción do Estado das autonomías. Apliquémonos o conto. O Goberno ten a responsabilidade de establecer as políticas, priorizar obxectivos e, xa que logo, administrar recursos. Trátase de estudar proxectos, sacalos á luz pública (concursos), valoralos con independencia e con criterio, atendendo á súa significación intelectual e ao seu valor social, e de seguido: apostar selectivamente polos que realmente respondan ás devanditas valoracións, non andar a ciscar consolacións (catro pataquiños para ti e outros catro para ti, e así todos calados). Todo o contrario da coñecida política de subvencións: pan para hoxe (migallas) e fame para mañá. Pedíronme que o puxese por escrito, e así o fago.