Vimos de celebrar o Día do Libro Infantil e Xuvenil, e isto fíxome pensar nos nenos, nos libros, na importancia da literatura para os cativos, nas escolas, nas bibliotecas? Veume á cabeza, coma un lóstrego, unha imaxe. A biblioteca infantil e xuvenil dunha cidade galega. Edificio de pedra, señorial, no centro? e sen acceso habilitado para carriños de nenos. O persoal de seguridade sempre estivo atento e solícito. A lembranza levoume uns metros máis adiante. Banco de España, de características semellantes en avoengo. Rampla marabillosa para poder chegar á porta principal onde agarda unha ringleira de escaleiras imposibles para os carriños. Neste caso, o persoal de seguridade non estaba mirando na porta. ¿Espero que entre alguén e axude? Optei, coa carraxe, pola forza bruta, arrastrando as rodas banzo a banzo. O bebé daba chimpos. Ao entrar, suaba. Para baixar, avisei a seguridade. Tiña que agardar un chisco que viñera o compañeiro. Pasados doce minutos botei man dun cliente. Outra cidade e outro edificio: Correos. Mesma manobra. Necesitei da solidariedade para entrar e saír. Nin rampla, nin aparello eléctrico, nin persoal. Este caso non é grave. Sempre atopo un alma que se apiada e me axuda a cargar co peso. ¿Pero? se eu dependese dunha cadeira de rodas, quen ía axudar? ¿Quen podería con todo ese peso? A liberdade está nesas pequenas cousas.