Avalanchas de emigrantes

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

31 mar 2014 . Actualizado a las 10:11 h.

É curiosa a capacidade para darnos leccións da actualidade. Aínda ben non acabaramos de saír da nosa particular cruzada contra os emigrantes subsaharianos dispostos a morrer por cruzar unha fronteira ateigada de coitelas, pelotas de goma e desalmados, cando caemos no estupor da nosa propia discriminación cando Alemaña decide que tamén nós, en certa maneira, podemos ser subsaharianos. Ata certo punto, estanos ben empregado, por fachendosos e por racistas. Non hai mellor lección cá de confrontármonos co rol de vítimas despois de considerarmos que valen máis os nosos soños de triunfar ca os dos africanos. ¿Será, no fondo, que cremos que os negros teñen menos dereitos? ¿Ou será que cremos que Alemaña só ten dereito a limitar o acceso de negros, turcos e ciganos porque rematamos por crer a nosa propia falacia benestante? Hai só uns días non pensabamos que os quince mortos que afogaron mentres eran bombardeados con pelotas de goma en Ceuta tamén loitaron por fuxir de alí onde non se podían desenvolver coma persoas, igual ca os españois que se plantan en Alemaña sen saberen alemán.

Poden lanzar mísiles contra os inmigrantes que nada os ha parar mentres teñan fame e soños. Poden encher de minas as fronteiras, que só hai unha cousa máis poderosa ca o medo a morrer: o medo a ver morrer os teus fillos. Claro que isto só o pensamos quen cremos que eses inmigrantes negros son persoas. E se cadra, cando Alemaña nos lanza a mensaxe de que alí non se pode estar sen traballar, en realidade nos está a dicir que non temos o mesmo dereito a ser persoas ca os europeos aos que non se lles foi a man coa corrupción e os delirios de grandeza.