O pobo

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

27 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O pobo vai por diante dos seus gobernantes. É un axioma que repito con constancia, tesón: fe absoluta. Ultimamente o pobo non só vai por diante, senón que pensa que as súas autoridades son o terceiro problema en importancia deste país: a política como infortunio. O pobo non precisa salvadores, senón xente honesta que xestione a res pública. Xente de ben, e non unha cohorte de bandidos, estafadores, sobornadores e sobornados que saíron dos muladares da democracia: dende a Pokémon á Gürtel, de Andalucía ao Palau de Barcelona. Son de todos os partidos. Están nas cúpulas e nas bases. Nos sindicatos. Na pura esquerda e na dereita impura. Nos que reclaman a independencia, nos unionistas, nos autonomistas e preautonómicos, nos federalistas e nos desfederados. O pobo aprendeu nestes anos, con sufrimento impío, que de aquí e acolá veñen as miserias: todos son iguais, repiten. Cando escoitan a palabra pobo, precisamente, desconfían. Pero o pobo, sen salvadores nin salvados, segue sentindo e latexando: vivo. Por iso pasaron ducias de miles de persoas a presentar homenaxe a Adolfo Suárez, que saíu da política coa cabeza alta, honesto, solícito, útil, conciliador. O pobo honrou a un tipo de política, e político, desaparecidos nas pretéritas décadas. O óbito de Suárez, aclamada a súa figura, é o último servizo que outorga ao Estado español. Eu doulle as grazas nesta columna de emocións: emocionado. Recapitular a política é urxente para que o futuro sexa de luz, non de agravio e afrenta. O pobo, celebrando a Suárez, gritou o «nunca máis» definitivo. Outra política -outros políticos- é posible.