Por hixiene mental

X. L. Franco Grande< / span> SOLEIRA

OPINIÓN

24 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Saír da rutina de todos os días, cambiar, oír outras voces, fuxir do enxordecedor boureo da xente e dos políticos (non da política)... remata sendo algo que se precisa mesmo por hixiene mental. Algo que nos piden o corpo e o espírito e cómpre dárllelo. Se non o facemos estarán renxendo sempre, reclamaránnolo, esixiránnolo. Cando iso ocorre, procuro calquera refuxio que me permita centrarme, que me dea serenidade, que me axude a sentirme humano. Montaigne ou Goethe, por exemplo, e entre outros, axúdanme a sentirme nun mundo que merece a pena ser vivido e ensínanme a vivir no equilibrio e na harmonía, nun mundo sereno e fermoso.

Por máis que o segundo nos poida parecer pedante, alguén que todo o sabe (e o certo é que o sabía case todo), que se sinte moi satisfeito de que os demais se decaten da súa sabedoría, tamén é certo que sabe recuar cando comproba que se pasou e lle fan saber, por exemplo, que saberá moito de moitas cousas pero ben pouco de estratexia militar, por máis que pretendeu nalgún caso explicarlle estratexia a algún militar. E rebobinou de verdade e pediu desculpas.

A crecente vulgaridade do mundo que nos tocou vivir vén ser o reverso do que nos legaron aquelas cabezas prodixiosas. Coa súa clarividencia de sempre, Goethe explícalle a Eckermann que o secreto da grandeza da Alemaña está na súa cultura e na soberanía das súas grandes cidades, que a irradian aos seus arredores. ¿Onde están nos nosos días cabezas semellantes? En ningures, por suposto. Unha ollada ao noso mundo máis próximo só nos depara vulgaridade.

E así mesmo unha crecente vulgaridade, como se fósemos indo a peor. Isto é así aquí, entre nós, e tamén no resto de Europa, hoxe sen dirixentes e sen referentes. ¿Decatámonos do que isto significa?