Rouco e a posmodernidade

Inma López Silva< / span> CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

14 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Dixo Rouco Varela nos seus fastos de despedida que o laicismo fai perigar a sociedade, a familia, a moral, a felicidade e mesmo a unidade de España, nunha situación que «podemos calificar de poscristiana». Sabendo como sabe Rouco que, stricto sensu, desde o século II ata a actualidade, todo é poscristiano, imaxino que o expresidente da Conferencia Episcopal, co termo, se subiu ao carro dos que agravian coa dúbida (non metódica) todo concepto abstracto tocado polo prefixo pos. Sorpresa. Contra todo prognóstico, Rouco parece coñecer os contidos básicos disto que chamamos posmodernidade filosófica que tanto medo mete aos defensores dun status quo do pensamento e moral conservadores, alleos a uns cambios sociais, morais e ideolóxicos que, malgré soi e por sorte, seguirán o seu curso co acordo das maiorías e o desacordo dos Roucos.

E porén, ¡Rouco Varela é en si mesmo tan posmoderno! El, o da palabra coma o dardo, o da dialéctica (case) xesuítica, o gran animador do espírito manifestario entre os fieis, o pastor do dogma tralas pancartas amosa coma ninguén o eu fragmentado (ser pero non ser), a iconoclastia case publicitaria (a imaxe de fumar un puro vestido de púrpura) e a manipulación lúdica dunha linguaxe que xoga a facer coma quen que ser laico, agnóstico, progresista, ateo, abortista, inmoral, terrorista e homosexual son a mesma cousa. Case poesía. Agora que temos un papa que podería ser o Don Draper do catolicismo, semella que, efectivamente, as maneiras de Rouco son pasado. Aínda que, coñecendo como coñezo a tendencia posmoderna e case hipster ao revival, non me cabe dúbida de que se apañará para resucitar.