A verdadeira crítica axuda sempre a clarificar as cousas. Por iso nunca pode ser inmoral, como pensa o ministro Fernández Díaz. Que eu lembre, no desgraciado accidente dos 15 mortos de Ceuta, ninguén criticou á Garda Civil e si, por suposto, a quen dese as ordes que contribuíron ás mortes, que aínda non sabemos quen foi.
Inmoral (ou desavido, ou rexeitable, ou o que se prefira) é informar mal, ocultar datos e dalos a regañadentes, de maneira contraditoria dicindo hoxe unha cousa e mañá a contraria, calando os feitos ou non facilitar o seu coñecemento, ou dando a entender que se critica á Garda Civil e non a quen deu a orde que provocou aquelas mortes. Máis que informar, houbo un claro propósito de distraer. Algo que refuga unha sociedade aberta.
Inmoral pode ser tratar de ocultar por todos os medios a realidade (vídeos que se negan de primeiras e que logo esixe a autoridade xudicial, opoñerse á creación dunha comisión parlamentaria que esclareza os feitos -porque a sociedade non foi informada senón «distraída»-), impedir que se asuman responsabilidades...
Inmoral será distraer a atención da sociedade coa creación dunha comisión mixta hispano-marroquina para resolver as cuestións litixiosas -boa maneira de botar fume sobre o problema e distraer á xente dándolle a entender que se toman iniciativas que, ao cabo, nada teñen que ver coa realidade do que pasou e pode seguir pasando.
Inmoral sen dúbida é preocuparse máis das críticas ás autoridades que dos 15 mortos. Inmoral, dende logo, e, por suposto, nada cristián. E supoño que de pouca axuda ao prestixio da Marca España. ¿E para cando, señor Fernández, nos vai informar de quen deu a orde de disparar? Ocultalo non é democrático. Isto si que é unha cuestión de Estado. ¿Ou non?