Viaxe a Marte

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

A compañía holandesa Mars One está preparando a primeira viaxe a Marte con billete de ida, pero sen regreso. Pensarán que non se apuntou ninguén. ¡Erran! A busca de traballo xa inclúe cambio de planeta. A necesidade aperta, non hai miramentos. Escoiten ben, pois solicitaron unha praza para semellante singradura 200.000 persoas. Pasaron a criba 1.058, entre eles, 5 españois. Supoño que serán: un presidente (ou ex) do Goberno, un banqueiro, un xuíz, un intelectual e un albanel. O primeiro deles, para gobernar esa nova colonia. Ben sabemos que sen eles iriamos á deriva e poderiamos caer nunha profunda crise na sociedade. E iso non o desexamos. Para exemplo, nós. O segundo, porque sen cartos non se fai nada, e se queremos telos ben gardados, mellor confiar nos expertos, cuxo obxectivo preferente son os clientes, e non a súa riqueza persoal. Por suposto, un xuíz que trate a todos os candidatos por igual, e todos temos claro que a estes dous que xa van na lista de tripulantes ía tratalos moi ben. Un intelectual que narre a historia, porque a ficción sempre supera a realidade, e neste caso, a película marciana sería moito máis crible que a terrícola. E o máis importante: o que construirá edificios e soportará a especulación urbanística. Pero non vai ningún. Quizais porque o corpo humano non soporta a radiación do planeta vermello máis de cinco anos. Sería suicida, e sempre é mellor afogarnos aos demais.