A palla dos outros

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Ata os nosos lares chegou a nova da desesperante lentitude coa que nos Estados Unidos acometen a súa reforma do financiamento, contaxiándonos a desidia dos seus cidadáns. Non é para menos, claro, pois é a máis urxente das tres grandes reformas que Obama prometeu. Anteponse á sanidade e emigración. O estado económico do país era terrorífico. Algo así coma o noso, por iso Obama prometeu que os bancos (responsables da crise) non quedarían impunes de seguir comportándose do mesmo xeito. Aínda agora se entrega o borrador, que protexe ao consumidor. Ao longo deste tempo canso, os poderosos lobbies de Wall Street intentaron por todos os medios que non se levase a cabo. Quen o diría. Os EE. UU. deixándose gobernar por esa xente. ¡Co gran país que nos fan crer que é! Obviamente, nós vemos perfectamente eses defectos. Totalmente imposible pasalos por alto. A palla no ollo alleo. A que temos no noso, céganos. O seu obxectivo é non permitir que os bancos empreguen os cartos dos clientes en especulacións varias. Xusto o mesmiño que hai aquí. Iso si, a nós non se nos ocorre nin botarlles man, non vaia ser que nola mordan. Pero é moito máis cómodo rir dos demais antes que facer autocrítica. E como non hai palleiro sen palla, sementaremos o país de medas. Mentres o campo continúa sen traballar.