Gústame o dous

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Son difíciles as despedidas. Tanto, que algunhas non conseguen superarse na vida, e as ausencias pasan a converterse en partes da memoria constantes e omnipresentes alá onde vaiamos. Pero tamén poden ser complicados os comezos. Chegamos á vida sen saber respirar, en tan só nuns segundos debemos aprender, aínda que xamais o tiveramos feito antes. Necesario sobrevivir. E así con todo. Os comezos do ano, por exemplo, son enganosos. As primeiras horas (en función da idade) arrancan exultantes, apertándonos, desexándonos o mellor? pero axiña se apaga a maxia. Eu son máis do mediodía, a iso das dúas, cando a rúa está despexada, sen alma que a habite, e o silencio, por fin, se apodera das cidades. Esas horas nas que só as luces de moi poucas oficinas están acesas, lembrándonos que o mundo non cambiou, que todo ha volver ao seu sitio, que o 1 é tan só unha cifra máis do almanaque. Gústame o número dous. Ese día que volve á normalidade, no que xa todo é igual ca onte e ca o ano pasado. O dous discreto. Do que ninguén se lembra. O segundo da Liga, da F-1? Descoñecidos completamente. O parruliño feo. Coma cando era pequena e ninguén quería a Nancy negra de ollos azuis, mentres que a min parecíame a máis fermosa de todas, por iso a pedín. Igual. O dous. O parrulo. O loitador incansable, porque a el todo lle resulta máis difícil e sempre queda ás portas. O da realidade rotunda. Gústame. Porque o mundo está cheo de douses, de segundóns, de loitadores.