Nunca tanto se perdeu

X. L. Franco Grande< / span> SOLEIRA

OPINIÓN

23 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Pescanova, Barreras, as dúas caixas, un banco... a perda de peso económico e de autonomía financeira de Galicia dá mesmo arrepío. Nunca Galicia perdeu tanto en tan pouco tempo. Nin ningunha outra autonomía padeceu unha desfeita semellante. A verdade é que habería que saber a quen debemos tanto ben -a moitos, dende logo-.

É evidente que as nosas fontes de riqueza xa non son nosas, pois a nosa dependencia é política e, sobre todo, económica. Isto comporta, como sabe calquera, unha situación de servidume, exérzaa quen a exerza: desaparecidas as dúas caixas galegas e absorbido o banco que nos quedaba, é clara a situación de dependencia e de servidume financeira en que quedou o noso país.

¿A quen lle debemos tanto ben? Debémosllo aos que forzaron unha fusión das dúas caixas que xa se vía de primeiras que non tiña viabilidade, aos que a autorizaron, aos que querían e queren que as caixas non couten os seus descontrolados negocios. A cousa é vella: viña xa de antes do tempo de Zapatero, que ninguén se faga o tolo.

Polo ben do país, quixeramos crer aos novos donos de «Caixa Galicia Banco» e que fosen certas algunhas das súas eufóricas manifestacións destes días. Por suposto que sabemos que de hoxe en diante quedamos sometidos a outros centros de decisión financeira que teñen intereses que están noutra parte, que se dirixen noutra parte e que deben beneficiar a xentes que están noutra parte.

Baixo o réxime anterior, os aforros galegos ían parar na compra de valores do INI, entre outros, e hoxe, baixo a autonomía, emigrarán a Venezuela ou a onde cadre. Nada cambiou de verdade. ¿Estarán os novos dirixentes en condicións de servir a dous señores a un tempo? ¿Ou serán as súas só promesas de políticos? Oxalá fosen palabras de honor.