Para. Detén o paso célere das noticias. Café, té. O periódico de sempre na parte de atrás levantando a néboa, brétema branca de mencer, día, beizón. Morde o sabor desta columna. Decembro como caricia víbora: enroscada. Pecha os ollos e búscate dentro, onde o corazón habita e os terrores desaparecen: crise, maldade, os inicuos urros da decepción. Dentro, onde as palabras non importan e os fantasmas danzan a danza dos malditos. Dentro, onde o amor queima, desgarra, arrebata, apreta o peito ata non deixarte respirar, raposo, poutas de cristal, auga fría que abre os teus poros para dar e darte. Ese lugar do interior onde os recordos desafían o presente. Os soños matados e os soños que resucitan. Labios sobre os teus labios. Dentro, onde as ausencias agrandan o río da alma, e afogan, e queres flotar, e non podes, e podes, e ves o sol entre gotas de chuvia, e 19 de decembro, e Nadal, e os nenos con sorriso de algodón, mazá anís rosa. Dentro, onde as lágrimas perduran e a felicidade é cicatriz do pasado, ese lugar onde regresas neste momento: cinco minutos que pido como unha oración. Volve ao dentro e repudia tanta superficie, cosmética, mentira. Dentro: onde ti es ti e ninguén, nunca, ha de poder enganarte. Onde sentes, antes de perder, que estás perdendo. Onde ganas, tamén. Só o dentro xustifica cada segundo. O resto importa menos. Cando pechas os ollos e miras no buzón do interior, sinceramente, encontras o imprescindible. Non te amargues. Non amargues. Vence tristezas e penas e penurias. Recolle a miña felicitación de Nadal. Sorrí. Amas, ámante. Vives. Dentro: aí quero abrazarte.