O paseo dos horrores


A cidade de Vigo ten unha parte fermosa, señorial, testemuño dunha riqueza burguesa na que os edificios modernistas campan entre o marmurio dos coches e da xente. Ás veces, en horas perfectas, mesmo arrecende a mar. É aí onde se instalaron as oficinas principais dos bancos, como símbolo desa prosperidade que agora escorrega, desangrando estas arterias decadentes de cidades que, probabelmente, xa nunca serán o que foron outrora. Ese barrio é, tamén, o espazo ideal para eses paseos urbanos dos que algunhas gustamos, aptos para tacóns e para carriños de bebé, para ver e deixarse ver por largas beirarrúas que por veces semellan infinitas. Nas cidades, estes lugares sempre pulsan o sentir do momento. Tanto é así, que se unha esquiva os coches e os buses e logra asomar a cabeciña á rúa para albiscar o seu horizonte, verá salferidos aquí e alá, grupiños de manifestantes. O paseo ideal converteuse agora nun triste camiño de protesta en protesta á porta de cada banco, analizando as facianas de xentes que, por primeira vez, se poñen detrás dunha pancarta. Poderíase, tamén, elaborar un turismo das consignas contra as estafas e, en definitiva, contra a vida inxusta que naceu desta crise e que tan ben se ve, agora, na parte fermosa, señorial desta cidade, testemuño da riqueza burguesa que vai esmorecendo ao mesmo ritmo que os pobres e os enganados toman a rúa para facer a crónica da súa desventura. E eu, cos meus tacóns e o meu carriño, case sen querer, comprendo que xa non hai horas perfectas nas que pasear, pois cada paso fica convertido nunha sensación amarga, de nostalxia de alegrías perdidas para sempre.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
21 votos

O paseo dos horrores