Dxt Qrr

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

28 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Aalegría é o meu deber diario, escribiu Kafka: un triste tristísimo que disparaba dardos de Cupido á Nada. A alegría como deber. Kant, que converteu o deber en ética da filosofía, era outro triste. Veñen aos meus dedos Franz Kafka e Enmanuel Kant este último xoves de novembro, outono encarnado marrón verde caído. Hai xente refractaria á alegría, non deixo de escribilo para espantar os malos tempos, para alegrarme tamén... aínda que todo sexa cosmética. Buster Keaton vestíase de triste e, en ocasións, a súa melancolía disipaba un sorriso para conquistar o mundo. Un acto de altruísmo para non parecer un pusilánime, coma min. Un anticuado. Antiguo escritor que cre aínda que a literatura non é só un pasatempo, ocio, diversión. Algo máis: unha sorte de maxia, un encanto de palabras en fío, unha beizón que estremece. Algo máis. Un anticuado, dicía. Escribo con acentos as miñas internéticas mensaxes. E cando o teléfono ortografía incorrectamente, desgústome. Un anticuado que ignora que deixarse querer son seis consoantes. Dxt Qrr. Déixate querer. Todo é máis fácil se abres os brazos, quitas as trampas, rompes barricadas, queimas os disfraces e as mentiras. Todo é máis fácil se aprendes a lección do título cifrado desta columna: Dxt Qrr. Non teñas medo de qué pasará. Pinta optimismo no papel estriado da outonía. Comeza decembro, en breve. Que a banda sonora destes días ilumine, luz de agosto, o mencer de cada noite. Stop tribulación. Sempre hai un lugar onde o sol escribe o teu nome. Unha pel para frotar. Alá, onde o vento escriba seis consonantes. Deixarse querer é o principio da alegría.