A Editorial Galaxia vén de recibir o Premio Fernández Latorre que lle concede este noso xornal, La Voz de Galicia. Antes mereceu a Medalla de Ouro da Xunta e estes mesmos días tamén foi galardoada a Fundación Penzol (e aínda se me ha esquecer, de seguro, algunha distinción máis, polo que pido desculpas).
Recoñéceselle ese seu compromiso coa nosa cultura e coa nosa lingua dende aquela histórica xuntanza no hotel Compostela, ano 50, co patriarca Otero Pedrayo á fronte para fundar este proxecto cultural e político-galeguista; é necesario manter viva e fresca a memoria neste tempo no que todo vai á présa, a demasiada velocidade e cambio.
Pero Galaxia non é só memoria histórica, debemos sabelo. Teno repetido Víctor F. Freixanes, magnífico escritor e actual director xeral desta editorial; Galaxia e a nosa cultura son tamén -deben selo- un proxecto de futuro. Por iso cómpre -a máis dos recoñecementos- renovar o compromiso en firme por parte das institucións coa cultura, cos proxectos editoriais e culturais nesta época verdadeiramente difícil de dúbidas e quebras. Agora, cando máis se necesita da esperanza e do esforzo colectivo, como referenciou o noso editor.