Ollar para outro lado

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

Dous feitos arrepiantes se xuntan ao horror que provoca o crime de Santiago: un é o xuízo paralelo que condena xa aos pais como autores do asasinato. O outro é que esa mesma sociedade, que tanto se horroriza polo crime, ollase para outro lado cando tivo ocasión de intentar evitalo. Non hai moito tempo que dous xemelgos morreron a mans do compañeiro sentimental da súa nai, malia a que os rapaciños pediron auxilio reiteradamente a cantos tiñan ao redor. A min paréceme pouco verosímil que a nena Asunta non falara con alguén da situación que acabou levándoa á morte. Nun primeiro momento houbo persoas que afirmaron ter recibido confidencias da nena, que temía pola súa vida. Despois, desmentiron esa información. Eles saberán por que. Asunta chegou en varias ocasións adormecida ás clases. Informar á familia non parece que fose a mellor saída ao problema. Hoxe ningún docente ignora que as agresión aos nenos proceden en moitos casos da propia familia. Unha opinión allea , dun médico, dun psicólogo, podería ter botado luz sobre o que estaba sucedendo. É pouco crible que a nena que falou nun blog de mortes pouco claras na súa familia non falara con ninguén do que a preocupaba. É case seguro que o fixo e que a xente pensase: «Son cousas das familias». E ollase, como de costume, para outro lado.