Cada día os datos son máis complicados de dixerir. Primeiro foi o aumento do número de persoas que están no paro, logo a cantidade (impensable) de familias que viven en situación de pobreza e pasan fame. E agora, toca debullar as cifras, coa tristura que isto leva. Case 100.000 galegos levan máis de dous anos sen atopar traballo. Dous anos erguéndose da cama cada mañá sen ningún obxectivo, sen ningunha aspiración, sen motivación que axude a sacar un pé de debaixo das sabas. E esta pobre xente ten a reinserción no mundo laboral moi complicada. Ben, é un falar, porque se non se crean postos de traballo, resulta imposible atopar ningún, así que iso de maiores dificultades? é moi relativo. Teño coñecidos que están desempregados, e outros que aínda conservan o seu posto laboral e o seu soldo, a pesar de que moitas veces foi reducido. E ningún dos dous bandos está feliz. Os primeiros, xa acabamos de dar as claves, e os segundos? séntense escravizados. Xornadas laborais que rozan a extenuación e esixencias practicamente imposibles de cumprir. A saúde física e mental móvese no límite. ¡Moi mal está o país! Pero o curioso é que hai uns días viña de ler nos xornais que en España hai máis ricos. Si, aumentou o número de familias de ultrarricos. De feito, somos o sexto país de Europa con máis fortunas. En tempos de crise, isto é unha auténtica desgraza. Os ricos son máis ricos, si, pero os pobres... aumentan e pasan fame.