En folga

Inma López Silva< / span> CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

28 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Ás veces boto en sobra unha certa inxenuidade pola que semella que, cando se trata de reivindicar dereitos, non podemos portarnos mal. O 15-M foi mestre nese estilo de facer (lembro a petición dun veterinario por megafonía para unha pomba cunha á rota), coma se para esixir respecto pola cidadanía sempre tivésemos que sentar na primeira ringleira e peitearnos co cabelo recollido. Esa actitude boíña vénlle ben ao poder, que, se se fixan, encárgase de promover ese concepto de protesta, cualificando de antidemocrático e mesmo de anticonstitucional calquera acto que non sexa a simple presenza na rúa. Mellor berrar pouco e ter moito tino co que se berra. Mellor non amosar agresividade. Mellor ter reservas, non vaia ser que nos chamen malas, antidemocráticas, ou nos metan no cárcere por anticonstitucionais. Ata o extremo de que admitimos a ameaza, e así chegaron a dicir no Ministerio de Educación que o profesorado fai folga porque ten o traballo asegurado. Cousa que, en primeiro lugar é incerta, e que denota que, se o ministro, convertido en decimonónico patrón, puidese, despediría aos mestres por exercer ese dereito tan molesto que é a folga.

Ás veces, por iso, o que pide o corpo é ser o gamberro da derradeira ringleira, portarse coma os que corren perigo de perder o seu traballo nas minas, no naval ou no metal, e facer do ensino algo agresivo, pois semella que o poder ten máis medo e atende máis á forza da espada cá da palabra. Claro que, con esta lei de educación contra a que tantos protestan, é evidente que lles dá igual que a cidadanía teña ferramentas culturais e profundas para expresarse. Buscárono soíños.