Nobel de muller

Inma López Silva< / span> CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

11 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

É e curioso que ao tempo que en Turquía despiden a unha presentadora por levar un vestido de pronunciado escote (impronunciable para o Goberno, que puxo o berro no ceo), nos EE.UU. nomeen a primeira directora da Reserva Federal. Pero a guinda pona a Academia Sueca, que decide outorgar o Premio Nobel de Literatura por decimoterceira vez a unha escritora, neste caso a estupenda autora Alice Munro, coma se a porcentaxe de mulleres dedicadas a escribir literatura estupenda desde 1901 fose o mesmo mísero 11 % que recoñece a institución, máis ou menos a muller por década, aínda que nos últimos anos, para non quedar tan mal, reduciron esta pauta aos trienios.

Pero non vou criticar en exclusiva á Academia Sueca, non vaia ser que un día aos meus 100 anos lembren este artigo de hoxe, e decidan non darme o Nobel a min, que tanto o levarei merecendo, na opinión deles, desde aproximadamente os 95, idade á que terei preparado no armario o meu traxe de noite de Balenciaga, as sandalias de Lanvin e un Termalgín para a fría noite do dez de decembro do dous mil sesenta e pico.

A Academia, lenta pero segura, vai lembrando que as mulleres tamén escribimos. Quen non parece lembrarse tanto son as institucións de noso que sistematicamente propoñen os varóns máis variopintos para esta probabilidade ínfima de que nos caia un Nobel. Ou máis ben, sempre ao mesmo variopinto que nunca o leva, como tampouco o levaría seguramente ningunha das merecedoras de tan distinguido galardón onde Galicia e a súa literatura non son máis cá anécdota biográfica daquel señor tan malencarado chamado Camilo José Cela.

Por iso ao próximo escritor que se me alede de que desta vez o Nobel foi para unha fémina, voulle indicar, antes de ameazalo co meu puño pechado, que rememore esa alegría cando na súa institución literaria de cabeceira lle manden votar candidaturas para viaxar a Estocolmo un día e poida propor un nobel de muller.