Cando o mundo retrocede e a estulticia avanza, corsaria e profética, a imaxinación axuda. Pero a imaxinación está condenada neste tempo suburbial. Suburbios da intelixencia: todo vale porque todo ten prezo. Eu reclamo unha manifestación silente a favor dos imaxinarios e imaxinativos e imaxinados. Un monumento a Cunqueiro e unha lápida á razón dos máis poderosos. Fascina o diñeiro máis que o talento. As listas de éxitos, máis que as calidades e virtudes da beleza. O ser humano descendeu de categoría. Nin os soños están valorados: só se valoran aqueles que conducen á meta incólume das altas xerarquías sociais. Un poeta está mal visto: porque non se ve (Viva Torneiro, viva a poesía galega!). Os románticos, exiliados do presente. O amor: unha palabra melífera e doce, ausente, facinerosa como caricia de serpe, víbora víbora. Propoño soñar e soñarnos e soñarte. Soñarse é o pronominal verbo que sosteño este xoves sabor outono, melancólico, vendima abaixo dos sentidos. Soñarse mellor do que somos. Soñarse amantes e amados. Soñarse educados con voces sabias: esas que quedan sempre vibrantes no pasado. Soñarse vivos, cada vez que morremos. Propoño os soños como terapia, a imaxinación como acto heroico, a chuvia no corazón máis que a chuvia nos zapatos: pisando. Soñarse é virtude. Nas escolas non se puntúa a imaxinación. Se un neno ve coelliños nas nubes, distraído, recibe amonestacións en lugar de sobresalientes. Soñar é o reto. Soñarse distinto é a intención desta contraportada. Soñarse mellor, sensible, sentimental (palabra proscrita). O presente é das autoridades. Soñemos o futuro.