Un cronista analizaba, dende unha perspectiva singular, o cumio do presidente da Xunta con aqueles seus antecesores. E digo perspectiva singular porque sendo pouco o que transcendeu do tratado no cumio, servíalle ao meu amigo para suxerir que de tal axenda de temas era posible establecer aquilo que os presidentes recoñecían como problemas políticos que os Parlamentos e os Gobernos de Galicia non foran quén de resolver. Así era coa Administración autonómica, ou a ordenación territorial e mesmo coa política forestal e os incendios, se atendemos ao dado a coñecer á prensa.
Nos tempos da transición xa eran tales algúns dos problemas agora de novo diagnosticados, habendo daquela iniciativas de goberno ou lexislativas. A elo respondía a existencia do Plan Director Territorial de Galicia, xermolo certo da Administración preautonómica. Ou a Lei de Montes veciñais en man común, e as súas consecuencias aínda non enteiramente analizadas, tanto sobre das políticas forestais, como sobre da propiedade e capitalización da economía rural.
Non sendo tempo de ter noticias por Procopio daquelo que Corvus puidera saber do tratado en tal xuntanza, un pregúntase se cuestións relacionadas coa composición do Parlamento e aqueles criterios de representación proporcional nos que se inspirou a nosa lei electoral, a española e a galega, que fai valer por dous e medio o voto do cidadán ourensán verbo daquel de coruñeses ou pontevedreses, non foron tratados no cumio presidencial de Monte Pío, por canto forman parte da axenda política actual, e son de interese para o fortalecemento das institucións políticas. Ou, por un dicir, abordar medidas certas que limiten as tentacións de poñer adxectivos á democracia, falar de maiorías sociais para uns, ou de maiorías silandeiras para outros, e que apenas serven para non falar da Galicia e os galegos. Da Galicia que esvaece.
Non sería estraño, aínda que ninguén o acredite, que a xestión dalgúns dereitos, singularmente sanidade e dependencia, formaran parte tamén de análises e conversa na mesa de Monte Pío. Polo monto que supoñen do presupostos galegos, e pola tentación de pasar a mans privadas a xestión de todo ou parte. Teño a certeza de que se por un aquel falaran da repetida actividade violenta dun fato coñecido por Resistencia Galega, concordarían -tamén eu-, en situarse lonxe dos seus convencementos políticos, e na súa radical condena cando eses obxectivos políticos derivan en accións de violencia terrorista. Poderían tamén ter tratado e recoñecido como grave problema a nosa crise demográfica estrutural e a súa distribución desigual no territorio. Tan estrutural que ao que semella aínda que todas as mulleres galegas en idade de procrear puideran ter os fillos que din querer , non seriamos quen de ter unha taxa de substitución precisa para lograr endereitar a nosa demografía e non perder poboación, Idega dixo. Canto mais aquela que sucede fóra do eixo atlántico, onde poida que residan os galegos resistentes, mesmo heroes, se tal houber.