Un pacto contra o lume

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

28 sep 2013 . Actualizado a las 06:00 h.

A gora que, coma sempre, a Divina Providencia trouxo a chuvia e apagou os lumes, supoño que, cos expertos elaborando o enésimo informe que dirá o que todos xa sabemos, esqueceremos ata que volva o sol e con el os incendiarios, que a solución só pasa pola vontade política. Mais permítanme que lembre algo obvio: a vontade política non é exclusiva de quen goberna, senón de todo o arco parlamentario. Claro que, tal como está de penoso e lamentable o Parlamento de Galicia, debe ser moito pedir tanto ao Goberno coma á oposición exercer un pouquiño dese tan democrático costume que é deixar de mirar o propio embigo e pensar alén da cita electoral de turno.

Vouno escribir eu que podo: pór couto á galaica manía de prenderlle lume ao monte ten custos políticos. Custos que estamos moi dispostos a enunciar cando somos oposición pero sobre os que se verte unha estraña amnesia cando gobernamos. ¿Quen é o guapo que se atreve a tomar impopulares medidas como multar aos propietarios que non limpen os seus montes se se sabe que o seguinte en gobernar ou o alcalde do lado non o fará? Por iso se fai necesario un pacto contra o lume no que todos (todos) os partidos políticos se comprometan a aplicar as medidas que se consideren necesarias para deter isto (esas que os expertos están fartos de escribir en innúmeros informes que enchen os caixóns da Xunta). Mentres non sexan quen de facelo, déixense de rezar para que chova e de contarnos que os galegos temos maior tendencia á piromanía ca os habitantes doutros países boscosos. Os culpables serán vostedes, políticos, que para iso cobran: preocúpense máis polo país ca polo seu escano, tanto se gobernan coma se non.