A preocupante ignorancia do alcalde de Baralla

Lourenzo Fernández Prieto< / span> MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

05 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

N on creo, sinceramente, que o PP sexa un partido franquista ou de franquistas. O PP non reivindica o franquismo -agás algúns bardallas que non son secundados- e isto é unha virtude democrática e un ben colectivo. A diferenza do que acontece na dereita italiana, onde non é infrecuente nos últimos tempos a reivindicación de Mussolini ou o saúdo romano; da extrema dereita francesa ou, non digamos, dos nazis gregos da Aurora Dourada, non hai aquí unha forza política importante que reivindique o fascismo dos anos trinta ou que adopte posicións xenófobas ou cuestione o sistema de liberdades como en Holanda, Austria ou Hungría. Pero todo pode mudar a peor. Precisamente por iso é tan preocupante a badocada do alcalde de Baralla e, aínda máis a reacción posterior dos seus seguidores locais e as mofas gastronómicas cara ao sol. Tamén a atrevida ignorancia do deputado Hernando. Alguén se imaxina un alcalde ou deputado do PSOE, AGE ou o Bloque dicindo que houbo razóns para o asasinato de Calvo Sotelo ou de Muñoz Seca e xustificando as matanzas de Paracuellos ou Barbastro. Daquela como é posible o contrario. O problema non é o que pasou senón o que está a pasar. O problema non é nunca o pasado senón o presente que o manipula ou aínda peor o que o ignora. Neste presente, preñado de razóns para preocuparnos, a ignorancia do alcalde de Baralla desvea unha inconsciencia que debe preocuparnos.

Xustificar o golpe de Estado dunha parte do Exército contra os seus superiores e o Goberno da República (Hernando) ou os asasinatos en masa (alcalde de Baralla) cometidos polos golpistas e o réxime que fundaron sinala un camiño que alguén ten que atallar. Non é un erro polo que pedir perdón, é unha inconsciencia propia da ignorancia propiciada por unha iniciativa política, con perigosas consecuencias políticas que debe ser atallada de raíz se queremos evitar males maiores. Reproducir os bandos dunha guerra provocada por un golpe de Estado hai 77 anos non é difícil porque seguimos sendo herdeiros dela e das súas consecuencias. Xogar con lume chamábanlle con razón os vellos. O presente non está libre de reproducir os erros do pasado ou de basearse neles para facer política. Iso, e a ausencia de políticas democráticas da memoria, é o que nos revela o señor González Capón.

Unha ditadura fundada nun golpe nos tempos do fascismo que usou métodos e medios partillados coas de Alemania e Italia antes de 1945, deixou inevitablemente moito pouso. Tanto como estes dous personaxes veñen de evidenciar. Pero o asunto enténdese así: 27 de agosto de 1936, alameda de Tui, un pelotón de vinte soldados forzosos fusilou a José Francés Carpintero, factor do ferrocarril no Porriño, casado con Elena e pai de Josefa e Raúl, xunto con outros cinco homes da bisbarra. Pregúntome que lle diría o alcalde de Baralla aos seus descendentes. Máis pronto que tarde empezaremos a cualificar aquilo de xenocidio. Polo pronto chamámoslle xa -non era sen tempo- holocausto, que literalmente significa grande matanza de seres humanos. Resumindo: non se pode ser franquista sen querer porque é inhumano.