Lumes e limpeza do monte

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

19 ago 2013 . Actualizado a las 06:00 h.

Chegou o verán con algo de calor, e como non, con el nós arrastramos os incendios. Este ano os dous principais lumes do verán parece que foron producidos por liñas eléctricas. No de Quiroga e Larouco estúdase a intencionalidade ademais da posible sobrecarga nunha torre de alta tensión.

Se a investigación dos axentes forestais e da Garda Civil conclúe que a causa foi un accidente ou unha neglixencia da compañía, esta deberá facerse cargo dos custos da extinción e «incluso» as posibles reclamacións de veciños por danos en propiedades. O de incluso sobra. Será o mínimo. Se un cidadán pode ir ao cárcere por incendiar un monte, a pena que recaería sobre unha empresa debería ser similar.

A lei obriga ás eléctricas a manter libre de maleza a zona de paso do tendido, así coma un espazo próximo. A Xunta esixirá responsabilidades se queda demostrado que a causa dos incendios foron unha chispa por sobrecarga ou unha desatención na limpeza.

Moi ben. Mellor sería manter eles os montes limpos. Os veciños afectados din que podería terse evitado se os montes estivesen limpos. Pasou outro ano e continuamos sen política de prevención de lumes. E así seguiremos. Está claro que non aprendemos. Non entendo esta actitude.