Turismo macabro

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

Moita xente sente unha gran atracción polas catástrofes: terremotos, tsunamis, incendios, atentados terroristas ou accidentes de toda índole. A película española máis taquilleira de todos os tempos foi Lo imposible, que reproduce con detalle o tsunami que azoutou no 2004 o sudeste de Asia. Cando alguén é atropelado ou rescatado do mar a xente corre para velo de preto e fórmase ao redor do accidentado un círculo que mesmo o priva de aire.

Na actualidade en España ese interese céntrase no escenario de Angrois. Alí acoden turistas para pasear, sacar fotos e, nos primeiros días, ata que valaron o acceso á vía, para recoller trozos de cristal ou pedras.

Ese atractivo pola macabro deuse en todas as épocas: a xente acudía en masa a ver execucións, e hoxe lugares como a zona cero de Nova York ou os campos de extermino nazis son lugares turísticos. A explicación, segundo o Centro de Estudios do Turismo Necrolóxico da Universidade de Lancashire (Inglaterra), parece estar no alivio que, tras un primeiro sentimento de angustia, experimentan os visitantes por non ser eles as vítimas.

Se é así, compréndese que a xente faga turismo necrolóxico. Cada un consólase como pode da anguria que inspira a morte. Mágoa que a algúns, catástrofes e accidentes só nos confirmen a precariedade da existencia. Sen alivio nin consolo.