Cara A

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Afelicidade, a calquera hora. O insondable e inmedible afán de sentir. Os ollos que outorgan calma, gratuitamente. O sol. A auga do mar. Os ríos onde os peixes debuxan un ballet de curvas. A luz, a noite. Os bicos que debes e algún día terás que pagar. A forza do amor. A boa xente. Os soñadores que soñan por ti cando ti non podes, derribado. A tristeza que tantas veces derrotaches, a tristeza vencida. As cereixas. Os amigos, que pensan en ti aínda que non sigan os mesmos pasos. Os teus pasos, camiño de todas as ilusións (aínda). Os poemas inexplicables: un mencer, por exemplo. As inexplicables lágrimas de alegría, afecto, despedida ou regreso. O inexplicable. As mulleres que non se resignan. Os homes que non se resignan. Os suaves. O verde. O abrazo que esperas. O abrazo que dás. A soidade que acaricia. O palito de ron cola gin-tonic güisqui despois de comer. A música. Un paseo. Os que están á altura da tenrura. Alguén que sabes que te quere. Alguén en que xa non pensas. A respiración. A lúa. Os lunáticos. O recendo da herba recén cortada. Os que non son covardes e miran de fronte. Os que cambian sen cambiar o corazón. A tecla reset situada na alma. As verbenas. As flores. O que perdiches e non doe. O que ganaches e te engrandece. Os que están contigo, a pesar dos que faltan. Todo isto que escribín arriba repousa, caladamente, na cara A do disco da vida. Debes escoitalo, agora que a cara B persevera. Pincho ese disco para ti. Aquí, na partitura coral dos xoves. Negando o frío da desventura. E ti, meu amigo/amiga, coñecerás o gran segredo: goza o día. Nunca é tarde para bailar.