A indescifrable nova fórmula de cálculo das pensións ten como orixe unha ecuación máis simple. Para o ano que vén é: gastos 2014 = ingresos 2014 (gastos e ingresos do sistema de pensións). A partir de aí, o comité estima o aumento do gasto no 2014 comparado có 2013, multiplicando por un número que recolle a porcentaxe de subida do número de pensionistas e por outro que recolle a subida polo chamado efecto substitución: se morre un pensionista (eufemisticamente, unha baixa no sistema) e o seu lugar é ocupado por un novo pensionista de 65 anos, aínda que o número total de pensionistas non cambia, aumenta o gasto, porque seica os que entran con 65 anos adoitan cobrar pensións máis altas que os que van morrendo. Dese xeito, en función da porcentaxe esperada de variación de ingresos, obtense a porcentaxe na que habería que variar o que cobra cada pensionista no 2014 con respecto ao que está cobrando no 2013. Nota técnica: o traballo remátase con estética, suavizando con medias xeométricas e, para usar sumas en vez de multiplicacións, á ecuación aplícanselle logaritmos e logo o teorema de Taylor.